22 abril 2007

Historias de Baño

Esta é a vista que teño dende o cuarto de baño da miña casa. Esa é a miña roupa, a miña antena do satélite, a miña persiana esnaquizada polo vento e o tempo...
Moitos mediodías, achégome ata a fiestra, na hora máis plena do día, xusto cando o sol está no alto facendo que os animais sexan moito máis sociables. Poño case sempre a Mr. Waits no cd e deixo que a súa voz retumbe na frialdade das lousas grisáceas. Séntome na fiestra, á beira da fotografía que teño colgada enriba da taza, onde sorrío enriba da tumba de Jim Morrison en París. A esa fotografía, chámolle cariñosamente: "menos quince", pois cando foi quitada, tiña quince quilos menos, quince anos menos, quince graos de inocencia menos, etc...
O sol continúa o seu ascenso e Waits canta agora Jayne's Blue Wish. Síntome como James Stewart en Rear Window, con menos clase pero con moita máis flexibilidade. Móvome e sempre observo as fiestras pechadas dos meus veciños, así que non me queda máis remedio que inventarme as súas historias. O outro día, sen ir máis lonxe, a través dunha das fiestras, observei a unha muller, duns cuarenta ou cincuenta anos, xusto no apartamento de enfronte. Era unha muller morena, cuns fermosos ollos escuros e o cabelo recollido nun moño. Vestía unha camisa branca aberta ata os peitos e camiñaba despistada, polo que semellaba ser un cuarto de estar. Ía dun lado ao outro e de vez en cando paraba na fiestra e observaba o exterior. Despois, volvía a súa rutina de dar voltas polo cuarto ante a miña mirada e o Danny Says de Waits.
Acendín un cigarro e expulsei o fume que se elevou e se perdeu na atmósfera.
Despois de dez minutos, cando soaba Down there by the train e lembraba os meus anos de estudante de grego, a muller asomouse de novo á fiestra e pegou un berro. Observeina detidamente. Ela a min tamén. Nunca viramos os nosos rostros diante.
-¿Ese que canta é Tom Waits? - preguntoume.
-¿Perdón...?
-A música que soa... ¿É Tom Waits? - tiña unha voz grave e profunda que chegaba ata a miña fiestra amplificada por mil.
-Si, o mesmo. ¿Gústalle?
-Non. Nada...- quedou pensativa un anaco -... pero houbo un tempo en que estabamos moi unidos.
Non entendín a que se refería.
-¿Quenes estaban unidos?
-Tommy e eu - contestou. - Hai moitos anos vivín na súa casa...
-Seguro... -contesteille mofándome mentras acendía outro cigarro.
-Pensa o que queiras, pero é certo. Hai moitos anos vivía en California; coñecín a tom a través dun amigo común; naquela época Tommy estaba preparando a rodaxe do Drácula de Coppola...
-Non me foda! - berreille.
-É certo, rapaz...
Os dous quedamos en silencio. Eu co meu cigarro prendido no aire e ela coa mirada perdida como se estivera lembrando aquela época da súa vida.
Sabía que iso que me estaba a contar non era certo, pero dábame igual; era a primeria comunicación que tiña cun veciño dende había moito tempo. Estívome contando historias (inventadas) de Tom e ela polas rúas de L.A e de como argallaba novos instrumentos no baño da súa casa. Fixéronme gracia certamente.
-Ben, teño que marchar a traballar - expliqueille xa preto das catro.
-Moi ben...
- ¿Vostede que vai facer? - pregunteille
-Nada, quedar aquí...
Non dixen nada despedínme e comecei a pechar a fiestra.
-Escoita rapaz - berroume. - Se queres... mañá podo contarche o ano que pasei vivindo no edificio Dakota con John e Yoko...
Sorrín e asentín.
-Mañá a mesma hora -dixenlle antes de pechar de todo a fiestra.
Tom Waits rematou os últimos versos de Goodnight Irene e saín do baño, para voltar de novo a mísera realidade.

7 comentarios:

X dijo...

Polo menos o seu baño ten vistas a historias (inventadas).

Danny Raatzke dijo...

está ben iso de ter fiestra, as veces ter veciños, un baño e onde sentar fumando algún cigarro acompañado da musiquiña de Mr. Waits pero sobre todo é impotrante ter un teito alguns vicios e estar...

Bandini dijo...

cuida a esa vecina, gente así no se encuentra todos los días.
y sigue fumando en la ventana que te sienta muy bien. y a mí también

Ra dijo...

Esto sí que daría para un 13 Rue del Percebe (enténdase 13 Rúa do Percebe), yo como Bandini le recomiendo que la cuide.

Mr Tichborne dijo...

e se é verdade?
é unha mentira bonita. Fas ben en crela.

llll dijo...

cómo me ghustou. xa me tardaba que volveras escribir cousas destas.

smuacs!

TXARI dijo...

ahhh, xa sei quen é a túa vizinha, estiven vivindo en dakota, no piso embaijo do dela un ano, e sí yoko era daquela umha bruxa de caralho!!...