28 julio 2006

OS CINCO MÁIS ODIADOS

ENQUISA ODIOSA
Xa que estes dias en moitos blogs se anda a falar do odio, propoño unha enquisa-concurso sobre o sentimento en cuestión: OS CINCO MÁIS ODIADOS.
A cousa é sinxela: nombrar as cinco cousas que máis odiamos do mundo (algo así como o que fixéramos coas manías) e despois nomearr tres blogueiros para que continuen cos seus odios.
Ao mellor así sabemos cal é a cousa que verdadeiramente odiamos de corazón.
Estas son os meus odios principais:
  1. A xente: a prepotente, sabelotoda, chulesca, intransixente, trepa, dominante, sen sentido do humor, aburrida...
  2. Espertar polas mañas e ver que o mundo aínda non rematou
  3. Aos turistas que veñen a miña terra a mercar apartamentos, foder a costa, elevar os prezos, facerme agardar na cola do supermercado mentras mercan as súas estupideces, encher as terrazas mentras beben Bitter Kas, etc...
  4. Os Centros Comerciais, as Igrexas e os Supermercados.
  5. Aos mecánicos dos talleres de automóbiles sempre co seu aire de superioridade e dicíndo: "mira que o coche é moi vello rapaz... "

Evidentemente podería seguir odiando miles e miles de cousas, pero agora é o voso turno:

¿Qué é o que máis odia... Cenicienta Proletaria, Avogado do Diaño e Bandini?

27 julio 2006

Marabilla da Semana: Eva Green


Outra actriz. Non me gustan as cantantes, nin as presentadoras, nin as modelos. Recoñezo máis a beleza mentras actuan. Como na vida real.

Esta semana toca un francesa, de París, vinteseis anos e cunha mirada potente.
Para vela na pantalla:(Poucas Pelis)
-The Dreamers (Bertolucci)
-Kingdom of Heaven (Ridley Scott)
e próximamente na última entrega de James Bond: "Casino Royale"

Barómetro Machista: 6

Ala, aí queda...

26 julio 2006

O Eterno Mediodía de Mr.Black

Sempre o mirei desa maneira. O mediodía como unhas horas de transición; unhas horas horribles e estúpidas de suspensión, onde o aire se tranquiliza e queda estático. Os paxaros deteñen o seu vóo; Os coches van reducindo marchan e quedan parados no centro da estrada. As persoas camiñan máis a modo e a terra deixa por un intre de facer o seu recorrido diario. O mediodía. Unha suspensión. Unha comunión eterna coa lentitude máis primaria.
Ademais de todo iso, o mediodía é un estado de ánimo. O peor. Unha terrible sensación de malestar eterno que nos destrue e nos come vivos. A peor das tristezas posibles: o mediodía é o desamor.
Mr.Black leva varios días vivindo no mediodía. Chameino pola mañá cedo e dixome que na sua casa era a unha e media. Chameino pola noite e comentoume que na súa cama eran as dúas e media. Unha tristeza. Vivir eternamente nun mediodía. Eu fun a súa casa a sacalo de alí. Quixen levalo á noite, pero foi imposible. Aínda lle quedan moitos máis mediodías que padecer. Moitos máis mediodías estáticos e terribles nos que vivir. Eu lle digo que non se preocupe. Sei que o mediodía pasará e chegará a noite coa sua lexión púrpura...
Eu tamén vivín no mediodía hai anos. Todos vivimos algunha vez no mediodía. É unha merda. É o peor. Pero finalmente, acabará o mediodía e meses despois chegará a noite. É así. Ten que ser así...

Despois de todos os malditos mediodías chegarán grandes noites onde o sol brillará intensamente, os coches andarán a grandes velocidades, os paxaros voaran ata o mar e todas as mulleres, todas, mirarán para ti, Mr.Black e lanzaránche bicos para que os vaias a buscar a calquera hora do día... menos ao mediodía, claro.

20 julio 2006

América, América

Supoño que casi todos veríades Dogville, a coñecida película de Lars Von Trier; ben, pois esta, Manderlay, é a súa continuación. Un retrato da vida nunha pequena vila do sur dos Estados Unidos nos anos trinta. Se vos gustou Dogville, esta tamén vos gustará. Boas interpretacións, sobre todo a protagonista, a fermosa Bryce Dallas Howard, unha magnífica historia sobre a hipocresía, a libertade, e a estupidez humana.
Manderlay e a segunda parte dunha triloxia que se pechara con Whasington. O que ten collóns de todo isto, de todo este retrato da sociedade norteamericana, é que Von Trier é danés e na súa vida pisou os Estados Unidos debido a súa fobia a viaxar. Un tipo cun par...
Pois nada, xa sabedes,se un día non vos apetece ir á praia, gastades 2,40€ no videoclube e pasades unha tarde entretida mirando bó cine...

17 julio 2006

A fin do Comenzo da fin

Supoño que é a calor. Non dou durmido. Doeme a cabeza. Non teño fame. Bebo catro litros de auga ao día. Fumo menos...si, é a calor, non hai dúbida.O meu odio visceral pola humanidade acrecéntase a pasos axigantados nestes días. Saio á rúa coas pistolas cargadas. Tan só teño gañas de ver Taxi Driver unha e outra vez... de ler a Salinger unha e outra vez... de escoitar In your World unha e outra vez.
Estes días o sol méteseme nos osos e acaba comigo. Se vou ao médico mándame vivir a Alaska ou a Siberia, e eu agradeceríallo de corazón. Ali tamén hai subnormais, pero non tantos (non vive tanta xente).
Supoño que isto é a fin de algo... o comezo de algo... a fin do comezo, ou o comezo da fin. Non o sei. Tan só sei que todos os días suar convértese nunha obrigación igual que odiar. Saeme odio polos poros da pel. É triste pero certo.
Supoño que son como os insectos; canto máis sol fai máis fillos de puta saen á rúa. Como as moscas. Como os lagartos. Como os idiotas. Sol e praia. E ti e máis eu desaparecidos do noso centro vital... do noso núcleo. Tan so che acaricio en soños, só así, desa maneira tan impersoal. Un estúpido máis suando ao sol.
Levantade Carpinteiros A Viga Maestra.
Tranquila, só queda pouco tempo para que todo isto remate...
e a fin
o comezo
da fin

15 julio 2006

Marabilla da Semana: Lucy Liu

Esta semana toca marabilla exótica. Nacida no barrio de Queens en Nova Iorque,ten 38 anos,e está licenciada na universidade de Michigan en linguas asíaticas.
Comezou a traballar na televisión e pronto pasou ao cine.

Algúns filmes destacados son:

-Os Ánxeles de Charlie
-Kill Bill vol.1
-Kill Bill vol.2
-O Caso Slevin

Tamén é bailarina e modelo...
Unha todoterreo vamos..

Barómetro Machista: 9

Ala, o voso turno...

13 julio 2006

Superman Retorna

A primeira vez que vin a Superman na gran pantalla, eu era un neno e ía collido da man da miña nai ao Teatro Colón da Coruña. Senteime na butaca e apagáronse as luces. Apareceu Superman surcando o ceo e eu quedei atrapado nun estado catatónico. Como todos os nenos que vivíamos na periferia da cidade, eu quería ser Superman (os que vivian no centro xa eran superman). Recordo con añoranza eses anos.
Onte, agardando durante anos este día, estreaban a nova entrega de Superman. Fun á primeira sesión, do primeiro día, da nova estrea. Nesta ocasión non ía da man da miña nai, ía da man doutra persoa. A escuridade do cine non me atrapou, nin entrei nun estado catatónico. Non estaba no Teatro Colón da Coruña (xa non é un cine). Onte eu xa non quería ser Superman.
Apagáronse as luces do cine e comenzou a película. Acomodeime na butaca e recordei. Recordei todos os anos pasados dende que vira a Superman na gran pantalla por última vez. Xa choveu. Choveu moito de dios...
Mirei para os lados. Non había moita xente. A xente estaba na praia, ou nas terrazas, ou a saber. Dábame igual. Eu estaba feliz. Superman estaba aí, e eu a escasos metros.
Nesa tarde de xulio, nunha pequena sala de cine a escuras, tan só había un neno mirando a pantalla ilusionado. Ao rematar a película, entrou nun estado catatónico durante toda a noite.
Aínda me dura...

08 julio 2006

Black Holes & Revelations


Levaba un ano agardando a que aparecese este disco. Un ano dende o Absolution. Un ano dende que os vin en directo no Monte do Gozo. Un ano.
E aquí está, Muse con novo disco: Black Holes & Revelations. Un disco extrano: Escuro, Bailable, Retro, Futurista, Político, Revolucionario, Improvisado...
Para os que teñades curiosidade, na súa páxina oficial, www.muse.mu , podedes descargar o seu single de presentación: Supermassive Black Hole. Así entenderedes de que vai...
saúde

06 julio 2006

Flower Power Portugal


Estes días andiven de viaxe polo norte de Portugal. Ás aforas de Porto, nun vello taller, atopeime esta marabilla da Wolksvaggen. Non funcionaba, tan só a tiñan de exposición rodeada dunha morea de coches impersonais e monótonos.
Pensei na persoa que a mercou por primeira vez. Seguro que cando a mercou tiña vinte anos e todo un mundo por diante. Agora estará casado, terá dous fillos, un traballo de oito horas e dúas hipotecas; pero o que é peor de todo... seguro que agora ten un Audi A4 cor negro para pasear coa familia os domingos á beira do océano...
Tireille unha foto e marchei...
Era hora de xantar...
E os soños non alimentan...

03 julio 2006

Ata o Carallo!!


Hoxe saín cedo a tomar un café e ler o xornal. Finalmente non fixen nin unha cousa nin outra. Aparquei o coche e atopeime con isto. Tivenlles que quitar unha foto. Eu tamén estou ata o carallo, pero penso que hai mellores maneiras de suicidarse...