27 abril 2006

Recomendación Cinéfila: Old Boy


SEN PALABRAS: IMPRESIONANTE

01 abril 2006

Ser e Estar


Éramos novos. Bañábamonos antes da tormenta e baixo a auga, escoitábamos o silenzo do tempo suspendido no ar. Éramos os máis grandes. Despois, conectábamos o secador e mudábamos a cara; exactamente, poñíamos cara de sábado e entrábamos de cheo no ollo da tormenta. Así éramos.
Camiñábamos como Tonny Manero nas rúas dos setenta e acendíamos os nosos chesterfield contra o vento e a choiva. Era o mesmo. Non había nada que poidera con nós.
Entrabamos a paso de xigante nos locais máis mundanos e pedíamos litros de cervexa para mesturala coa sota, o cabalo e o rei; o que gañaba, pagaba. Asi éramos.Ninguén perdía e todos gañábamos.
Seguíamos camiñando baixo as cancións de moda daquel tempo. As nosas cancións... as nosas estúpidas cancións da época. Despois, perderse na barra como auténticos cabróns. Botábamonos as cousas á cara e ríamos por ser tan imbéciles. Eu ría máis que ninguén... era o máis imbécil, e gustábame.
Pedíamos tres rondas para non perder o tempo e nunca invitábamos a ninguén. As mulleres non miraban para nós, e nós, mirábamos para elas de tal maneira que sempre remataban falando con nós. Éramos novos e persuasivos. Elas, virxinais e influenciables. Todo era perfecto.
Cambiabamos de local e personalidade co paso da noite e cada vez máis mulleres miraban para nós. Seguian a ser virxinais e puras, pero estaban borrachas. Nos éramos novos, e algunhas delas xa non o era tanto. Gustábanos. Novos con divorciadas. Sentíamonos verdadeiros homes adultos imbéciles. Todo un orgullo.
Soaban máis cancións de moda e a nós xa non nos importaba. Éramos novos.
Remataba a tormenta e chegaba a calma. Sentados fronte o mar. Sempre á beira do mar. Falábamos do divino, do humano, delas, de nós, do mar...
Éramos novos. Agora non.
Agora penso na indiferencia que provoca o tempo. Nas pequenas diferencias.
Ser e estar
Ser e estar
Ser e estar..

Fun e estiven... sempre.