18 octubre 2005

Un Gran Día


A Javier Saavedra, que sabe o que é madrugar e odiar.

Espertei ás seis e media e mirei pola fiestra. Chovía. Odiei o mundo e o planeta e máis alá das galaxias. Fun ó lavabo e botei unha mexada amarela demais. Pensei se tería cáncer ou algunha outra enfermidade infecciosa. Deixei de pensar. Observei como N durmía pracidamente ó lado do gato. Envidieinos, pero tan só por uns segundos, en realidade queríaos.
Vestínme a toda presa e bebín un vaso de leite. Saín á rua. Chovía con máis forza, parecía o maldito fin do mundo, aínda que ese día non tería esa sorte. Montei no meu coche. Non acendeu á primeira, nin a segunda, nin a terceira; encendeu á cuarta e despois apagouse. Encendino de novo e arranquei.
Aínda era noite. Crucei a cidade a modo, sen parar nos semáforos, pois aínda non había tráfico. Observei unha parexa que ía collida da man pola beirarrúa. Parecía que estaban borrachos. Ela tropezou e caeu ó chan. O tipo comezou a rir coma un tolo e ela tamén riu dende o chan. Efectivamente estaban borrachos.
Aparquei preto do supermercado e camiñei ata a porta lateral por onde entraban os empregados. Xa estaban alí algúns dos repoñedores agardando a que chegara o encargado e abrise a porta. Pandilla de imbéciles.... todos, todos menos Miguel. Miguel era un bó tipo. Non debía estar traballando nun supermercado, pero estaba. Miguel era a clase de tipo que debería estar facendo cousas artísticas ou ociosas que poideran encherlle o baleiro na alma que temos todos. Pero non era así... Miguel traballaba no supermercado, como tamén traballaba eu e o resto de imbéciles que estaban alí na porta. Ás veces o mundo coloca á xente onde non debe.
Achegueime a eles e saudei a Miguel. Acendín un cigarro e chegou o encargado pola esquina. Tirei o cigarro e entrei.
Baixamos todos como ovellas ós vestiarios e puxemos o mandilón verde oscuro por riba da nosa camisa branca e o noso pantalón negro. Imbéciles de uniforme. Cinco minutos despois estabamos colocando mercancías nos estantes. Un gran día, pensei.
Despois de dúas horas e media de colocar, sen romper a línea imaxinaria, frontais e máis frontais de marmeladas, cafés, cereais e toda esa merda que almorza a xente nas súas casas, baixei ó cuarto do cartón.
O cuarto do cartón estaba catro pisos abaixo incrustado nas entrañas da cidade. Un cuarto con unha única porta e aberto no teito, por onde caía todo o cartón e todo o papel que tiraban dos andares superiores de todo o supermercado. Tres horas baixo unha choiva infernal de cartón. Evidentemente a miña función era prensar e almacenar toda a merda que tiraban os meus compañeiros. Unha marabilla.
Alí abaixo comigo estaba, José, un tipo de cincuenta e seis anos que levaba vinte traballando no supermercado e que alguén tivo a brilante idea de colocalo a facer o traballo que tiñan que desenrolar estúpidos coma min. Algo malo faría, pensaba eu. Pregunteillo moitas veces, pero nunca me dixo a máis mínima palabra. Non falaba moito a verdade, e eu tampouco tiña gañas de que falara.
Deixei de prensar cartón por un anaco e senteime enriba dunhas caixas. Acendín un cigarro e soñei co mar. Un mar azulado e prácido que bañaba os meus pés, mentras tres cans brancos corrían pola praia. Tamén estaba N no meu soño, tumbada ó sol escoitando música e bebendo daiquiris. Eu collía a súa man e corríamos atrás dos cans pola praia como dous estúpidos nun video musical dalgún cantante sudamericano imbécil.
Nese intre entrou Gorrino no cuarto berrando e espantou o meu soño da praia e os cans. Gorrino era o supervisor. Un tipo gordo e detestable que sempre estaba suando como un porco a punto de morrer dunha coitelada. Díxome que subira a colocar alimentos precocinados nas cámaras frigoríficas. Despedínme de José que quedou alí no inferno, colocando cartón, despois de vinte anos ó servicio da cidade. Unha mágoa, pero algo faría.
De camiño ás cámaras frigoríficas atopei a Miguel. Colocaba patés e salsas. Díxome de tomar unhas cervexas pola tarde. Dixenlle que non sabía se chegaría á tarde. Riuse e caeulle un bote de salsa picante ó chán. Gorrino berrou dende o outro lado do supermercado e marchei camiño ás cámaras. Non tiña gañas de aturalo.
Despois dunha hora nas cámaras frigoríficas a vinte grados baixo cero, saín de novo ao supermercado. Paroume unha señora duns sesenta anos. A típica señora, muller dun funcionario, das que tantas hai repartidas pola cidade. Preguntoume onde estaba o papel hixiénico. Díxenlle que no báter.
Marchei a tomar un café. Eran os cinco minutos do descanso... un máis que merecido descanso. Despois de todo, tan só me quedaban catro horas máis de traballo antes de marchar a miña casa e meterme na cama para seguir odiando este mundo durante algúns anos máis.

8 comentarios:

Avogado Do Diaño dijo...

Me levanto y me quito el sombrero al mismo tiempo que te aplaudo.

From Hell dijo...

chaval eres un artista si haces eso...

Avogado Do Diaño dijo...

Ya veo que nadie te a contado con que soy capaz de quitarme el sombrero....ja ja ja.
Creo que la frase correcta es "Me levanto y me quito el sombrero y despues te aplaudo."

menguante dijo...

lo recuerdo, Gorrino se parece a la mierda que cago cuando estoy de resaca.
José seguro que murió enterrado por el cartón y ni se molestaron en barrerlo.Y Miguel que se joda por sensible.

Gracias por ayudarme a odiar, me mantiene despierto. Y gracias por todo lo demás también.

satine dijo...

E unha historia moi fermosa, moi real, da rutina dos días. O importante é roubarlle un intre o tempo para imaxinar o do video musical, as veces eso é o único que axuda.

Os de Luis Miguel funcionanlle moi ben a miña nai.

TXARI dijo...

nom sei se odio máis erguerme cedo ou sumerjirme na rutina diaria...se cadra son coisas que van parelhas...fíjome graza o da mulher do funcionario, eu tamén gardo o papel de baño no baño, con que limparán o cú os funcionarios logo?...a parte de coa man...

TomTraubert dijo...

Bravo, amigo. Cojonudo relato de una experiencia lamentable. Casi me había olvidado de vosotros en el súper a las seis de la mañana. CO JO NU DO.

Roberto Iza Valdes dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.