30 junio 2006

Primeiro Día de Praia (ou Rochas)



Para os que vivades en vilas ou cidades sen mar, deixovos aquí a evidencia de que hoxe foi o primeiro día de verán que fun á praia, para que teñades envexa...
Como consolo, direivos que a auga estaba conxelada..
Nada é perfecto...

29 junio 2006

Marabilla da Semana: Jeniffer Esposito


A petición de algúns blogueiros, voltamos coa Marabilla da Semana, aínda que non sei se será todas as semanas.
Para comezar, a foto de Jeniffer Esposito, actriz neoyorquina de trinta e tres anos que veríades no filme Crash, gañador este ano do oscar o mellor filme.


Barómetro Machista: 7

Agora o voso turno..
saúde

28 junio 2006

Pa' casa...


Sempre igual.. menos mal que eu vou con Arxentina e xa non tiña ningunha esperanza.
O bó de que nos eliminaran os gabachos, é que tan só van a estar en Alemania ata o sábado, que é cando xogan contra Brasil...
;-)

24 junio 2006

Paseo Nocturno


I

Houbo unha explosión urbana

A soidade pegouse extremadamente
á feliz idea dun cambio interior.

Escoitanse ao lonxe
motores oxidados
a grandes velocidades.

As mulleres pasean na noite
cos seus mellores vestidos de follar...
¿podese dicir aquí follar?
Non sei do seu significado
pero sei da súa utilidade.

Un lobo matando
amando a unha muller
entre música oxidada.

Non meto a man aí
non sei o que vou atopar

e sigo camiñando
pola estrada violenta da imaxinación
e entérroche,
entérroche
ben fondo.

II

Óxido e tráfico
fluido
na avenida.

Un neno dispara contra o parabrisas
dos automóbiles.

UNHA POLÍTICA URBANÍSTICA PARA UN NENO

Tal vez
mañá ao mencer
poda regalarche esa palabra
que escorre entre as miñas mans
todas as noites.

III

Imaxinas
os ruídos
e os silencios
mal colocados
na nosa casa
ente as persianas...

É A NOSA VIDA

espertar e voltar a durmir

23 junio 2006

Gasolina

Fai algúns anos eu vivía en Compostela. Tiña un apartamento pequeno e todas as noites me emborrachaba. Normalmente en compañía de Tom Traubert e outra xente máis. Sempre amencía na rúa e ía almorzar xunto a Bandini que daquela traballaba nun bar. Despois marchaba a casa e durmía ata o mediodía.
Pola tarde escribía. Escribía moito. Poemas, relatos, ideas, curtas, diálogos, teatro, etc..
Tiven sorte e me publicaron un libro. Nunca pensei que o merecese, pero así foi. Recorrín o país co maldito libro presentándoo aquí e alá. Non estivo mal. Todas as noites regresaba a Compostela e seguía emborrachándome pola noite e escribindo polo día. Non era unha mala vida. Era unha vida.

Agora xa non vivo en Compostela. Dame igual. Alguén dixo unha vez que o verdadeiro fogar é o amor. É certo.
Agora xa non bebo polas noites. Tomo leite e miro o televisor.
Agora tampouco escribo. Levo anos sen escribir. Dicia un escritor xa morto que a bebida era a gasolina que precisaba para escribir. Non sei se será certo, pero incerto non era.
Agora estou estancado na tormenta e doulle de comer ao meu gato, vou ao supermercado e leo o xornal polas mañás. Son un home respetable e respetado na comunidade. As veces gustaríame incendiar a vila, cagarme diante da igrexa, e marchar sen pagar dalgún sitio. As veces gustaríame emborracharme con Traubert, almorzar con Bandini e escribir todos os días como antes.
Non é posible.
Sobrame respetabilidade. Fáltame Gasolina. Diesel, claro.

21 junio 2006

Grúas e Flores

Fai anos observaba esta paisaxe dende a miña fiestra. Moitas veces téñome achegado ata as grúas. Fumaba un cigarro baixo a súa base, ao lado do mar. Tiña a esperanza de que algún día deixaría de ver esas grúas dende a miña fiestra. Remataba o cigarro e bicaba a algunha rapaza. Teño levado rapazas ata as grúas a que desfrutaran da súa beleza. Nunca lles facían caso, ás grúas claro. Ás mulleres non lles interesa esas cousas: as grúas, os aceleradores, a economía... a min tampouco a verdade. Interésanme elas e as grúas nada máis.
Durante algúns anos, deixei de ver as grúas. Estiven fora facéndome un home. O malo diso, foi que me esquecín de facerme un home.
Anos despois regresei e as grúas aínda seguían agardándome. Estaban aí, de pé, como dúas torres que vixian a entrada da ría. Inamobibles.
Hoxe, como quén non quere a cousa, fun visitar as grúas. Levaba anos sen velas diante. Pensei que xa non estarían, pero aínda soportaban o paso do tempo e todas as mareas. Estas putas enterraranme.
Cheguei co coche e baixei. Observeinas. Acendín un cigarro. Non había sol nin rapazas. Estaba o mar, o meu coche e eu. Collín unha flor do chan e tireina contra a grúa. Creo que se moveu. Tremeu como treme a terra baixo os meus pes. Tireille unha foto. Esta foto. As grúas tremendo polo impacto dunha flor. Se vos fixades ben, verédelas moverse.
Mañá voltarei a plantar flores na base das grúas. Penso que é o mellor. En cuestión de días, as flores remataran por tiralas abaixo e eu por fin poderei marchar de aquí e non voltar máis.
Isto é o que penso. Grúas e Flores. E ti e máis eu.

20 junio 2006

Todo o Mundo ten Un Soño (Part.II)


Literalmente o título poderíase traducir por: "empuxando e vibrando". Ainda que persoalmente eu traduciríao por: "toma unha patada na boca para que movas o cú".
Realmente vexo poucos filmes de calidade, así que cando atopo un que merece a pena, gustame poder compartilo.
Non deixedes pasar a oportunidade de botarlle un vistazo. Merece moito a pena, sobre todo se tendes soños aínda por cumplir ...

19 junio 2006

Todo o Mundo ten un Soño


O Sábado, non foi sábado. Foi un luns, un domingo ou non sei... Tal vez foi debido a que o venres aquí foi festivo e ninguén traballou. De todos os xeitos, pola noite saín mollar a boca con velenos varios. Non estivo mal, pero tampouco estivo ben. Atopeime con Sande, o mesmo do fotoblog, que con novo look, faloume de soños, temores e perdedores. As cousas vanlle sair ben, seino. Despois marchei para casa e pensei nos meus propios soños. Todo o mundo ten un soño. Dende que temos uso de razón pasa pola nosa cabeza esa meta. No ámbito laboral, sentimental ou existencial, aparece o noso soño. O malo, e que poucas veces se cumple.
O domingo visitounos Casatlántica, que me falou de disputas veciñais, bebeu auga, e despois marchou de novo aos seus dominios.
Volvín pensar nos soños e despois quedei a durmir. Tiven un pesadelo. Non o recordo, pero sei que era un pesadelo. Bebin un vaso de auga e fumei un cigarro. Busquei o meu propio soño pola casa e rendínme.
Non foi ata a noite cando o vin todo claro. Puxen un película no dvd, Hustle & Flow e durante unha hora e cincuenta minutos disfruten de como, baixo as peores circustancias, alguén é capaz de alcanzar, por unha pequena marxe de tempo, os seus propios soños. Unha delicia de película.
Despois, durmín e xa non tiven pesadelos... tan só soños, so iso.

13 junio 2006

Tocando as Teclas

Chego ao traballo e o primeiro que fago e acender o ordenador. Eu non traballo con ordenador, pero estou todo o día aquí metido. Poño a funcionar o e-mule e observo que a "Dawn of the Dead" de Romero quédalle unhas poucas horas para rematar. Gustanme os zombis. Hoxe mesmo soñei con zombis. Despois dou unha volta polos blogs. Leo cousas novas e deixo algunha mensaxe. É fermoso e estúpido esto dos blogs; que mo digan a min. Despois vou á páxina da Voz. Nada novo; Mudial e máis Mundial. Dame igual. Cambio de páxina e achégome ata o foro de cine no que participo dende hai dous anos. Todo tranquilo. Poucas discusións. Non hai moito que dicir, non estrean grandes películas. Saio da rede e traballo un pouco máis nun relato. Levo tres días con el. Titúlase "Tres tipos bós". Trata de tres tipos que se atopan unha noite na cidade. Non se coñecen, pero compréndense. Iso é importante. Cada un a súa maneira é un perdedor. Gústanme os perdedores. Os tipos que triunfan na vida son aburridos. Non teñen segredos. Abúrrenme. Gústanme os tipos que detrás das persianas das súas casas agochan grandes ou pequenos segredos, miserias diarias. Coma ti, coma eu.
Deixo o relato e descargo unhas fotos da miña cámara. Algunhas sairon ben; outras sairon mal. Gárdoas e volvo á rede. Vou a IMDB e busco o título dunha peli que quero baixar. Atópoa. Vou ao e-mule e póñoa a descargar. Cinco días máis ou menos. Acendo un vantange. Miro para a rúa. Parece que vai chover. Si, efectivamente comeza a chover. Alégrome. Gústame que chova en Xuño. Iso fódelle moito á xente. A min dame igual.
Vou á paxina do Mundo e leo a columna de Carlos Boyero. Basura. Gústame a basura. Vou a Vieiros. Abúrrome. Vou a estrenosdivx. Non hai nada novo. Saio da rede. Sigo traballando nos Tres Homes Bós; xa non son tan bós.
Volvo á rede. Miro fotos de Angelina Jolie, miro fotos de Jennifer López, miro fotos de Evangeline Lilly... abúrrome. Demasiado fermosas.
Reviso o meu correo. Cinco correos do meu irmán. Tres de colegas. Novecentos Spams. Saio do correo. Teño fame. Marcho a comer. Pola tarde máis... e mellor.

08 junio 2006

El Circo del Desaliento


Como algún de vós sabedes o outro día estiven de aniversario. Foron moitas copas, moitos cigarros e moitos regalos... todos especiais. Un deles, foi o do Sr.Rubín, que tivo a ben regalarme o seu libro: "El Circo del Desaliento".
Lino en dúas noites, que é cando hai que ler este tipo de libros... nas noites. Nada máis abrir as páxinas, atopeime cun golpe directo no nariz... unha ostia ben dada; como se teñen que dar as ostias. Despois, na seguinte historia, levei outra ostia máis, esta vez foi un gancho. Non teño que explicar que todas as historias do libro foron ostias e máis ostias directas ó cerebro. Unha boa paliza literaria que me tivo atrapado dúas noites.
As historias de El Circo del Desaliento son HISTORIAS con maíusculas. Retazos da vida de homes e mulleres abandonados pola fortuna. Tipos que vemos todos os días na rúa e que, por outra banda, nunca nos paramos a observar.
As historias de El Circo del Desaliento son declaracións de amor sinceras e directas como as que moitas veces tivemos que padecer e defender.
As historias de El Circo del Desaliento son puñetazos contra a estupidez humana, contra eses tipos que non saben mirar á dor ós ollos, contra a barbarie e contra o desamor.
El Circo del Desaliento podería ser un libro que trata do mesmo que miles de libros máis, se non fose por un pequeno detalle: está narrado cunha sinceridade da que a gran maioría dos escritores carecen.
Unha marabilla en definitiva.
Non teño máis que aplaudirche Rubín: ¡¡Plas-Plas-Plas!!
Saúde

05 junio 2006

Dous títulos


Baseada na xenial novela "Factotum" e en varios relatos máis da obra de Charles Bukowski, este filme achéganos á vida de perdedor do alter ego do escritor, Hank Chinaski. Do filme, cabe destacar por encima de todo, a marabillosa actuación de Matt Dillon no papel de Chinaski, e a ambientación de casi todo o filme...
Unha película que os fans do escritor agradeceran e saberan disfrutar.
Se podedes vela en versión orixinal non deixedes pasar a oportunidade... merece a pena.



O seguinte filme "American Splendor", tamen nos achega á vida de perdedor de outro creador, Harvey Pekar, autor do cómic underground "American Splendor"
O filme, cun ton entre ficción e documental, mostra o proceso de creación da propia película, do libro e da vida de Pekar.
Unha película orixinal na sua concepción e cun magnífico traballo de Paul Giamatti no rol de Pekar.
Seguro que non vos deixa indiferente.

Xa sabedes, estes días de calor e tristeza, se non queredes ir á praia a comer area e aturar a nenos pequenos e vellas, recoméndovos que merquedes cervexa fría, tabaco e pechedes as fiestras para afondar na vida destes dous creadores especiais mentras agardades que volva o inverno.
Saúde

01 junio 2006

28


Penso que xa o comentei un par de veces. Cando era neno pensaba no meu futuro e vía moitas posibilidades: Arqueólogo... actor... director... escritor... vagabundo... xornalista... gigolo... e un longo ecétera de ocupacións máis ou menos atractivas.
Mañá, 2 de xuño (ou hoxe para os que o leades este propio día) chego a conclusión (cousa que xa sabía) que non quero ser nada diso. Teño outro desexo maior e imposible... voltar a ser neno.

P.D Os que pasedes o sábado por Cée estades invitados a unha copa... saúde