08 marzo 2005

A Barba como aclaración visual na narrativa cinematográfica

Nos filmes, sobre todo de procedencia norteamericana, úsase moitas veces o tópico da barba como angustia ou desesperación do protagonista, quero dicir, que se durante a maior parte da metraxe da película o protagonista se nos presenta sempre barbeado, e tan só, nunhas poucas esceas, este sae con barba (longa, curta, de dous días, etc...) é por algo concreto... e ademais, é por algo tan tópico e estúpido que non ten moito sentido.
Por exemplo: O típico policia do departamento de homicidios, que está investigando un caso de triple asasinato no distrito de South Central en L.A... o caso é que é un bó policia, alto, moreno, pulcro no seu vestir e na súa forma de falar, aínda que duro cando ten que ser duro. Cando este policía, chamémoslle Mike por exemplo... cando este policía mete a pata, e nunha visita á casa da ex moza do posible asasino, mata accidentalmente ao actual mozo da ex moza do presunto asasino, aos seus superiores non lles queda máis remedio que afastalo do caso; aínda máis, teñeno que afastar do caso porque Mike é un bó policía e un bó tipo, pero todos na súa comisaría saben do seu problema co alcol dende hai anos. E é aquí cando a barba comeza a aclararnos o grave conflicto interior e o sufrimento que está a padecer o noso amigo Mike, porque Mike, ao que lle retiraron a súa arma e a súa placa, pasa todo o santo día na casa, bebendo whisky barato, mirando a MTV, e comendo comida china. Pero o máis grave do asunto e o que nos fai saber do sufrimento do pobre de Mike, é que o home xa non se barbea, polo que ten unha barba de catro días que leva ao espectador a compadecerse moi en serio do noso amigo policía.
Visto deste xeito, deberíamos saber que a barba está asociada á depresión e ao alcolismo. É máis, poderíamos dicir que todos os homes que teñen barba son uns alcólicos e que seguramente mataron a alguén ao longo da súa miserable vida exenta de coitelas de barbear...
...polo menos en Hollywood é así.

2 comentarios:

mariademallou dijo...

unha análise excelente...pena que eu non poida deixar medrar a barba...

edu dijo...

hostia, tío... coa preguiza que dá a prestobarba... e aínda me queda un bo feixe de horas ata chegar a casa!