02 marzo 2005

Diario de Domingo Resacoso (It"s a wonderful life)


Penso que foi o domingo pasado, porque tiña unha resaca considerable; a noite anterior, Lorenzo, que é un sol, levoume de tourné polos peores antros deste curruncho do mundo. Eu nun primeiro intre non estaba moi pola labor pois as estrelas non guiaban o meu camiño esa noite. Pero aínda así, collín carreira como o que máis esa noite e metinme de cheo nas fauces do lobo.

Como soe ocorrer nestes casos, cheguei a casa de madrugada e borracho; o gato miroume mal, a cama apartouse do meu paso, o leite quentouse no frigorífico e finalmente o baño foi o meu único aliado.
Pero o bó desta historia sen importancia non ocorreu o sábado, senón ao día seguinte, domingo resacoso de frio e choiva no peito. Ese domingo de tarde meu amor e máis eu disfrutamos dunha película baixo unha manta, enfronte dun café quente e un par de cigarros.
Eu tivera anteriormente unha morea de oportunidades de ver esa película en cuestión, pero sempre ocorría algo no último minuto que facía que o seu visionado fose un fracaso. Pero ese domingo non, ese domingo por primeira vez na miña vida vin "Qué bello es vivir".
Sinceramente non penso que vivir sexa unha cousa fermosa, e tampouco considero a James Stewart un gran actor, pero se teño que ser sincero, aínda que con iso gañe algún inimigo máis, teño que dicir que a película chegou a emocionarme. ¿E quén non se emocina con esa película?, pensaredes; e supoño que é así... os yanquis botana todos os nadales pola televisión e disfrutan dela como o primeiro día. O que me levou a pensar... ¿serei medio yanqui aínda que sexa por parte de nai? ¿disfrutaba eu anos atrás de filmes pastelosos aínda que moi ben rodados como este? ¿serviríanme garrafón a noite anterior e aínda estaría baixo o seu poder?. O feito é que non o sei, pero podo dicir coa boca chea, que aínda que non é unha gran historia, e non ten grandes actores e unha película que pode chegar a emocionar...
Eu quero pensar que foi o alcol o que me fixo emocionarme, aínda que pode ser tamén que nalgún momento da nosa miserable existencia todos nós precisemos vivir unha historia como a que viviu o palurdo de James Stewart baixo a neve inmaculada da american way of life...

1 comentario:

mariademallou dijo...

contra os domingos de resaca, sábados de albricias...
saúde e república