06 septiembre 2009

Os Camareiros Odian ós Actores





Os camareiros odian ós actores

E é que sair a poñer un café con xeo na terraza
e un paxaro atravesando o ceo
espétase na grande fiestra,
cae ó chan
respira pesadamente,
sangra pola boca…
tímidamente
sen sentido
e morre.

Póñoo nas miñas mans
e tíroo no contedor de lixo

É o sol, que alumea o olor a salitre
neste verán artificial
os actores almorzan felices nas terrazas
preto do peirao
e os camareiros odianos
baixo o sol,
polo que botan en falla
da vida… da gran vida
que botan de menos
entre a escuridade do cuarto húmido no inverno
en segredo.
E serán tal vez as gaivotas
as que xulguen a situación
vista dende o seu ceo
como nun plano xeral picado
dende a barra do bar
penso en poder facer que asi sexa
entre os cafes con xeo e as cañas de cervexa
sen odiar
sen odiar
intentando non odiar.

E así despois de que os paxaros morran nas vidrieiras
e os actores sexan felices nas terrazas
chegará o inverno
perfecto
chovendo dende o salón para fora
e tan gris como as mañás húmidas no monte
que esconde o seguinte verán.

Todo perfecto
coma un conto infantil
deses de terror no que o neno sempre é un enfermo mental.
enfermo vinte anos seguidos.
podería matar ás gaivotas, ós actores, e ós turistas
e todo seguiría igual
imperfecto
como unha novela deprimente
de moteis sucios e noites con suor a ron.
hoxe non matarei a ninguén
pois teño a esperanza de que entre as baldosas da miña casa
comece a nacer un naranxo, ou un viñedo
que a terra poda con todo
que a terra tape ese maldito sol
onde as gaivotas buscan as mellores vistas
dos actores sendo felices nas terrazas
e os camareiros odiándoos
sen fin

27 febrero 2009

Loita, loita... e morre sempre.


¡Se volvera o tempo, o tempo que foi!
Porque o home terminou, o home
representou xa todos os seus papeis.
No gran día, fatigado de rachar os ídolos,
resucitará, libre de todos os seus deuses,
e, como é do ceo, escrutará os ceos.
Arthur Rimbaud

Para épocas jodidas, películas tan jodidas que doen.

13 febrero 2009

un pozo no medio de Kansas


Joder, xa non sei canto tempo levo aquí metido... semanas? non, meses. Xa van varios meses. Horas e máis horas pechado neste jodido buraco. Por qué? Eu que carallo sei... as depresións son así, coma un pozo no medio de Kansas. Aparecen e desaparecen como unha maldita marea na praia dese fermoso atardecer. Non sei a razón... non penso niso. Tan só sei que xa pasan meses nos que non podo coller nas mans ese libro de Comarc McCarthy que teño á beira do teléfono; e que tampouco podo escoitar o último disco de Springsteen, pois cada vez que comeza, algo remata en mín. Por qué? Non o sei, en serio que non. Gustaríame sabelo... eu son o primeiro interesado.

Qué fago todo o santo día? Joder, pois compadecerme de min mesmo, cagarme en dios, e beber para non ter que pensar. Aínda que hai días que tamén debuxo. Si, é certo. Daseme fatal, pero é un boa maneira de ter a mente ocupada. Pinto aí sentado, no maldito pozo; pinto parellas bicándose na praia, pinto tipos duros fumando na noite, pinto coches cruzando desertos, pinto...

Cando estás no pozo non hai moito que facer. Sentarse, durmir, cagar, respirar, lavar os dentes, maldicir, e voltar a durmir. Nestes últimos días comezo a abrir a porta; abro a porta e respiro moi a modo deixando que a brisa fresca da mañá bata na miña cara; despois sentome no escritorio e leo un anaco a historia esa de "The Road"; Miro pola fiestra e vexo o sol, glorioso e pleno. É por iso polo que hoxe puden escribir estas liñas... por que saiu o sol. Só por iso.

17 noviembre 2008

Inverno


O outro día facía frío e polo medio das árbores que vexo dende a fiestra da miña habitación a néboa baixaba do monte cara o val no que vivo. Camiño do traballo, no coche, escoitei un disco de Springsteen do que xa non me lembraba. Un disco triste que falaba do inverno.

Pola noite, cheguei tan borracho a casa que nese intre se tivese unha pistola estaría en todas as malditas portadas nos xornais do día seguinte. Abrín unha botella excelente, dun crianza do 2005, na penumbra da sala. O espíritu das uvas flotou por todo o espacio e tomei un trago, mentras lembraba, que cando o meu irmán e eu eramos pequenos, dobrábamos dende a cama as películas que vían os meus pais na sala. Dende a nosa habitación tan só víamos as imaxes do televisor gracias aos espellos das portas do armario e, para que negarlo, a unha casualidade que hoxe me fai amar o cine, pero non eramos quen de escoitar nada, así que cada un de nós escollía un personaxe e non tiñamos máis remedio que ir inventando o texto sobre a marcha. Son ese tipo de cousas que fas cando es un neno e non tes máis preocupacións que facer os malditos deberes para o día seguinte. Gustábame facer iso xunto ao meu irmán. As películas eran moito máis entretidas do que poden ser hoxe.

Seguín bebendo durante unha hora, lendo relatos na rede e mirando fotos de tías. Cando rematei a botella, apaguei a luz, quitei o sonido ao televisor e tireime no sofá a dobrar unha jodida película romántica. Chamei ao meu irmán por teléfono pero non estaba. Despois, durmín a mona…

29 octubre 2008

The Good Life


Observo que na miña ausencia isto dos memes na rede segue sendo algo habitual, e xa que Ra ten curiosidade por saber que faría eu con setenta e cinco millóns de euros da bonoloto... aí vai.


Primeiro: como non, putear a un banqueiro. Se quere que ingrese os setenta e cinco millóns de euros na súa miserable sucursal bancaria, ten que cumprir unha serie de requisitos. Ten que atenderme un domingo as oito da mañá vestido de muller. Quero que abra a sucursal bancaria vestido de Gilda para que eu lle ingrese o boleto. E ademais, en vez do típico Mercedes ou B.M.W que che regalan por ingresarlle tremenda cantidade de cartos, o que quero é unha cena romántica coa súa muller nun elegante restaurante mentras el queda na casa fregando a louza. Iso mesmo. Para joder máis que nada.


Segundo. Montaría unha productora de cine, unha discográfica e unha editorial. Produciría as películas que me gustaría ver, os discos que me gustaría escoitar, e os libros que me gustaría ler.


Terceiro. Varias viaxes (típico, seino) a diferentes lugares do mundo... as selvas de Asia, a Ámerica máis profunda, o deserto Australiano, o norte de Europa, a estepa rusa...


Cuarto: (para Casatlántica) Mercaría mil carballos e unha escopeta recortada para que o sur deste país sexa máis fermoso e máis seguro. Ti xa sabes.


E quinto: supoño que ao final faría as típicas chorradas que fan os millonarios: mercar un yate, unha mansión, rodearme de putas, etc... pero agardo que nese intre siga tendo un amigo ao lado para que me dea unha ostia e me faga volver á realidade.


Máis nada... non é un bó día.

Saúdos

27 octubre 2008

Volver, volver...?


Saúde a todos antes de nada, pois pasou moito tempo dende a última vez que escribín algo no blog. As razóns de non escribir foron varias, pero a principal foi que o portatil dixo: "non podo máis", e palmou. Telefónica tamén axudou e cortoume o adsl por decimonovena vez. Agora semella que todo volve pouco a pouco á normalidade; fixen as paces con telefónica (pagándolle,claro) e leven o portatil a arranxar. Agardo que agora a volta a vida nos blogs sexa máis constante e tan gratificante como antes (eso se a miña cabeza o permite).

Como novidade contar que xa non fumo dende hai catro meses e medio (agora bebo viño todos os días coma un cabrón, iso si) e escribo algún relato que outro dende hai un mes (cousas do viño, penso eu). Polo demais a vida segue sendo a basura de sempre. Ireivos poñendo ao día.

saúde e abrazos a todos (de verdade)

Suso.







30 julio 2008

¡¡ Viva Brasil !!




Neste verán, no que o único que fago é traballar servindo cañas na terraza e cagarme en dios todos os días, tamén teño tempo para ver filmes impactantes (algúns chamárono fascista) como esta historia sobre o B.O.P.E (os SWAT do Brasil... pa entendernos) e as suas visitas as favelas. Moi recomendable.

P.D escribo pouco porque teño poucas balas no cargador e un tumor na alma

10 julio 2008

On the road again



E eu que pensaba que isto de internet era un ben da humanidade e non había que pagar nada por dispoñer del.

Telefónica non pensa así. Tivemos discrepancias. Gañou el... por iso volvo estar online.

On the road again...

saúde.

04 junio 2008

On the Road


O luns cambiei de década. Tiven regalos, bicos, amor, apertas e chamadas.
E tan só da miña boca pode sair: gracias.

O martes, Mr. Bandini e Mr. Radical Libre fixéronme un regalo: a súa presencia en Vilainferno.
Comemos, fumamos, e despois, os tres, xunto a un anxo, fomos en coche bordeando a costa a tempos pasados onde as baleas traian tesouros ata a costa. Foi fermoso.

Nunca comprendín tan claramente de que falaba Jack Kerouac cando escribiu On The Road, ata ese día.

Un coche, unha estrada, bos amigos e o vento baténdome na cara mentras escoito risas na miña cabeza... ¿é iso a felicidade?

Hai que repetilo...
... camiño a Frisco.

30 mayo 2008

Vinte Anos non son Nada...



Como imaxinaredes, entroume a vea friki e corrín ao cine a ver a nova aventura do meu añorado Dr. Jones.

Foi unha decepción. Non por culpa da película en si (que sinceramente é a máis floxa das catro) senón por que Indy xa non é o Indy que recordaba, senón que agora é este...


e nós somos dezanove anos máis vellos e máis tristes.


Puta Vida


26 mayo 2008

Liberación Sincera

Hai días que son unha puta mierda... como este. Días que o único que quero dicir é o que dí Mr. Norton nesta grandiosa escena.

21 mayo 2008

Tarde de Gripe

Como ben di o título, onte foi tarde de gripe. O único día que non traballo da semana e téñoo que pasar no sofá, chutándome couldina e bebendo vasos de leite quente. Entre outras tonterías (ver malas películas, fumar cigarros sen sabor, etc..) tamén montei este vídeo con cousiñas que tiña ciscadas polo ordenador.
A ser felices por aí..

16 mayo 2008

Mellor Actor Secundario



O dito, non pudo ser.
.
(O xurado, composto por
César Casal, articulista e subdirector de La Voz de Galicia; Miguel Salas, poeta, profesor de español na Universidade china de Dailan e un dos autores do blog colectivo Global Galicia, e Carlos Agulló, subdirector de La Voz de Galicia e responsable da edición dixital do diario, escolleu como vencedor o relato Tempus fugit, do compostelán Xabier Santos:
Os outros catro finalistas foron Suso Bahamonde, co seu relato
Quería ser actriz, Basilio Pedreira, co seu Universo humano, Ángel Rumbo, co seu Abelardus et Eloise Van Leeuwen e Ramón, co seu Do caso que lle acontecía ao doutor Xoán.
Todos eles levaranse unha camiseta de Lavoz.es)


Non é que tivera esperanzas, e tendo en conta que o premio non eran 100.000 euros... pois iso, que para outro a gloria, e para min, pois unha camiseta por quedar de finalista entre os 180 microrrelatos enviados.
Un dos meus actores preferidos, Mr. Madsen, non deixa de ser un secundario en todo o que fai;
e eu, ben, eu non son actor, pero xa van uns cantos certames nos que as palabras: finalista, segundo, accésit... acompañan o meu nome. É divertido. Aínda así, sigo preferindo que a bonoloto pete na miña porta para quedarse...
saúde

08 mayo 2008

Quería ser actriz...

Aquí os da Voz de Galicia montaron o concurso este (no que regalan unha colección de libros que xa todos temos, en vez de 100.000 euros que estaría mellor) no que hai que escribir unha historia en menos de 300 caracteres (catro liñas para entendernos). Como ultimamente os planetas andan raros e a miña alma polo mesmo camiña vai, decidín escribir as catro liñas. E non pola colección de libros, claro está.
Ocorreuseme isto...

Quería ser actriz...

Yoana conduciu toda a noite atravesando o deserto. Na mañá, almorzou café e fumou un marlboro baixo o sol, apoiada no depósito do gasoil. Continuou camiño cara as fermosas praias californianas.
Na tarde recolleu a aquel autoestopista.

Xa nunca chegaría a ver o mar.

Se tamén vos aburrides e queredes intentalo... aquí.
E se alguén se anima, que tamén o meta no seu blog e así lle botamos un vistazo.
Saúde

P.D O sábado recito nesa vila mariñeira a onde chegou o Prestige sen invitación...

21 abril 2008

Life.. life..



Hoxe dixéronme: ¡Suso, recoméndame un libro!
Non puden facer outra cousa que recomendar e prestar este libro de arriba.
Regaloumo o meu amigo Bandini e non sabe o ben que me fixo.
Tamén volo recomendo a vós.

¡A tomar por cú Ruíz Zafón e as súas 230.000 copias vendidas en catro días!
Saúde

P.D Polas noites, antes de durmir, rezo tres credos pedindo un terremoto inminente, leo un anaco a Bukowski, penso na morte e en café con churros e pecho os ollos.

09 abril 2008

Way of Montana


Teño un deses días.
Teño unha morea de balas cheas de gramos de odio.
Viaxo todos os días nunha caseta infernal.
Busco unha boa terra fértil para construir un rancho.
Quero vacas, ovellas e un jodido lago preto para levar un fillo a aprender a nadar nas tardes de verán.
Teño un deses días.
Quero que cando chegue o inverno, a madeira e as mentiras, ardan a carón da alfombra de pel de vaca.
Quero aprender a disparar.
Teño balas
a moreas.
Teño un deses jodidos días.


05 abril 2008

Anyone Else But You - Michael Cera and Ellen Page

Como a case todos vos gustou ou namorou, Juno, aquí vos deixo un gran final de película nesta triste noite de sábado.
Boas noites

01 abril 2008

Dust, dust, dust...


REC (Jaume Balagueró & Paco Plaza, España, 2007)
O Mellor: Reinventa orixinalmente un xénero de capa caída. Taquillazo comprensible. Vela é como montar nunha montaña rusa ao lado dunha loira de peitos grandes.
O Peor: Por dicir algo... o final.


No fondo non hai nada que mereza a pena.
O planeta, azul na súa maior parte, aparece ante ti temible e furioso para, a fin, atraparche baixo a súa terra eterna.
É así. Estamos de paso e non hai máis volta que darlle. Un paseo polo planeta durante unha media de oitenta anos. ¿Qué facemos tanto tempo? Pois o de sempre: Imos o colexio, namorámonos, aprendemos a sumar e a restar, xogamos ao fútbol, masturbámonos, imos ao instituto, comezamos a fumar, probramos drogas, saímos de sábado noite, follamos, namorámonos, viaxamos por Europa, América, África... escribimos poemas, cagámonos en dios e maldecimos ás relixións, abrimos unha conta nun banco, desnamorámonos, deixamos os estudos, follamos, voltamos a namorarnos, traballamos, emborrachámonos, escribimos máis poemas, hipotecámonos, maldecimos, voltamos a probar as drogas, mercamos un coche, hipotecámonos, vemos a televisión polas noites, follamos, traballamos e ingresamos todo no banco.
Así cuarenta ou cincuenta anos. Despois, por un intre, decides descansar e pasear de tarde polo paseo marítimo ata que un cancro terminal decide que pases a formar parte da terra que forma este maldito planeta, azul na súa maior parte.
¡Viva a jodida clase media!
(por Bautista e cando íamos pescar congrios nas tarde de verán. Ata sempre)

25 marzo 2008

Semana de Santos Ventos


Superbad (Greg Mottola, EE.UU, 2007)
O Mellor: A sincera amizade entre os tres protagonistas e o triste final.
O Peor: Algún chiste un pouco estúpido.


E por fin marchou a Semana Santa coas súas procesións, prohibicións gastronómicas, misas cantadas e máis estupideces varias que se fan baixo o terrorífico poder do catolicismo.

E como non, durante a semana non tiven máis que facer que traballar dez horas ao día servindo aperitivos e vermús aos turistas que visitaban á costa atemorizada polo vento do nordeste; famoso e coñecido polos vellos mariñeiros, pois se sopra durante máis de tres días seguidos, a xente comeza a poñerse de mala hostia e uns botan contra outros baixo unha incesante dor de cabeza. En serio, é un vento horrible que é capaz de mudar os costumes e a tranquilidade da vila como se tal cousa. Nesta ocasión non chegou o sangue os sumidoiros, pois tan só soprou dous días seguidos. Aínda que a min me doeu a cabeza igualmente, e seguramente tivo que ver nesa dor o feito de aturar a guiris con sede e fame durante dez horas.

Agora, neste día libre que paso entre mocos, estornudos e máis dor de cabeza, tan só quero durmir; pero non podo, o teléfono non deixa de soar en toda a tarde, así que fumo, tomo un café e navego pola rede un anaco. Escribo por aburrimento... como todo na vida.

Verémonos nalgún atardecer
seguro
Saúde.

05 marzo 2008

Haberá sangue...

Do filme...
O Mellor: Daniel Day Lewis e o deseño de producción
O Peor: Unha historia decepcionante


Isto non é un poema... non é un soño... é unha necesidade:
(para ler escoitando "Long Night" de Eddie Veder)


Teño unhas gafas de sol, tres balas no peto da camisa e un coche de segunda man.
Teño unha necesidade.
Teño un amanecer no peito que quere saír.
Teño pendiente un atardecer contigo na costa de Atlantic City... e o océano trae mentiras agochadas en cada ensaio de tormenta... e na terra están refuxiados os corpos que habitaron este planeta canda ti máis eu eramos parte da nada.
Teño tres billetes de avión no caixón, un cigarro e sesenta gramos da maría que máis nos gusta.
Teño odio agochado no despertador e no frigorífico.
Teño unha misión en cada soño de adolescencia...
Teño deudas de xogo coa vida
Teño máis medo ca ti en cada día do universo
Teño unha capa máxica de invisibilidade para enviar a Palestina... e nunca me decido... nunca me decido.
Todas as mentiras son certas,
e todas as cancións
son o que fan que bailemos mentras durmimos abrazados.
Xa mo dixeron ao oído cando ensaiaba a confirmación e peinaba o pelo ao lado: "Haberá sangue... Haberá... sangue"... e era certo... esa puta dereita relixiosa americana quere gobernar o mundo e eliminar o que é obvio: Ti e eu evolucionamos como os demais. Hai prioridades... teño unha necesidade.
Teño amistades que boto en falta como o sangue que circula polas mans.
Teño unha futura visita á Alaska que quero sentir.
Teño fame
Teño gañas
Cágome no seu Deus!
Cágome nas súas normas!
Cágome nos seus centros comerciais!
Cágome nas súas estadísticas!
Cágome nas súas vidas miserables!
Isto acabará nun intre...
... e ti máis eu...
verémolo...
...dende o atardecer...
...que construamos...
...nos verdes campos nevados.
Haberá sangue...