06 septiembre 2009

Os Camareiros Odian ós Actores





Os camareiros odian ós actores

E é que sair a poñer un café con xeo na terraza
e un paxaro atravesando o ceo
espétase na grande fiestra,
cae ó chan
respira pesadamente,
sangra pola boca…
tímidamente
sen sentido
e morre.

Póñoo nas miñas mans
e tíroo no contedor de lixo

É o sol, que alumea o olor a salitre
neste verán artificial
os actores almorzan felices nas terrazas
preto do peirao
e os camareiros odianos
baixo o sol,
polo que botan en falla
da vida… da gran vida
que botan de menos
entre a escuridade do cuarto húmido no inverno
en segredo.
E serán tal vez as gaivotas
as que xulguen a situación
vista dende o seu ceo
como nun plano xeral picado
dende a barra do bar
penso en poder facer que asi sexa
entre os cafes con xeo e as cañas de cervexa
sen odiar
sen odiar
intentando non odiar.

E así despois de que os paxaros morran nas vidrieiras
e os actores sexan felices nas terrazas
chegará o inverno
perfecto
chovendo dende o salón para fora
e tan gris como as mañás húmidas no monte
que esconde o seguinte verán.

Todo perfecto
coma un conto infantil
deses de terror no que o neno sempre é un enfermo mental.
enfermo vinte anos seguidos.
podería matar ás gaivotas, ós actores, e ós turistas
e todo seguiría igual
imperfecto
como unha novela deprimente
de moteis sucios e noites con suor a ron.
hoxe non matarei a ninguén
pois teño a esperanza de que entre as baldosas da miña casa
comece a nacer un naranxo, ou un viñedo
que a terra poda con todo
que a terra tape ese maldito sol
onde as gaivotas buscan as mellores vistas
dos actores sendo felices nas terrazas
e os camareiros odiándoos
sen fin