15 abril 2005

Decadencia Literaria

Non sei por qué, pero hoxe tiven unha necesidade vital de coller o meu libro (o meu único libro) e botarlle un vistazo de novo. Xa hai catro anos da súa publicación, e case dous anos que non o leo; por iso non sei a que veu voltar a lelo hoxe.
A cousa foi que o lín de novo e máis ou menos lembraba todos os poemas como o primeiro dia; recordaba claramente onde e cando os escribín. Tan só houbo un, do que apenas teño recordo, e tal vez sexa por iso, polo que hoxe, anos despois, podo dicir que para min é un novo poema.
Supoño que todos os que ledes este maldito blog xa tendes o libro, pero para os que non saiban nada da súa existencia, agora podo dicir: "aí vai un novo poema"... ou algo así.

Despois de morrer

E despois de morrer fixen noventa e dous anos e botei moito tempo nun hospital de segunda cunha enfermidade de aluguer pixama azul e moito tempo libre e máis adiante ós sesenta e tres gastei a pensión nos casinos nos bares e nas mentiras pero pasou o tempo e ós cincuenta e nove miña terceira muller deixou a pota ó lume e foime mercar un paquete de cigarros que nunca fumei e así mentras intentaba esquecela coñecín á segunda ós corenta e oito que me roubou dez anos de vida o pelo e a tarxeta de crédito entón como se dunha carreira se tratase púxenme nos trinta e seis cun libro inédito máis pelo e unha amiga de martes noite que primeiro me poñía copas e logo me levou ó altar un domingo de outono pero cando cheguei á adolescencia pegóuseme unha depresión matriculeime no instituto e deixei de fumar e entre escapadas ó baño o primeiro bico e un golpe de estado falido cumprín cinco anos e fun vivir cos meus pais con moito tempo libre e un pixama azul entón decidín rematar a cousa cando a principios dun verán moi caloroso coñecín a miña nai nun hospital de segunda e sen pedir permiso nin chamar entrei e acomodeime de noite entre flores e placenta.

4 comentarios:

From Hell dijo...

pa cuando chegue a III República... é dicir... pronto.

mariademallou dijo...

bo lema para unha camisola... mellor poema.saudos sureños

From Hell dijo...

Thank you... é o que precisaba escoitar. Iso e: "ven xa para cama que estou cachonda".

mariademallou dijo...

un biquiño dende o sol!!!